Inicio Carballo ao día Novas Carballo, único concello de 20.001 a...

Carballo, único concello de 20.001 a 50.000 habitantes que consegue a “Escoba de oro”

A entrega dos galardóns anuais, convocados pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus), será o 19 de xuño en Madrid

Martes 30 de abril do 2024

Dous anos despois de acadar a Escoba de Plata, Carballo convértese neste 2024 no único concello de 20.001 a 50.000 habitantes que recibirá o premio Escoba de Oro, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus).

A asociación eleva a distinción ao noso concello “polo novo contrato do servizo de limpeza viaria, cun aumento do 36% respecto do anterior. Este traballo -destaca- desenvólveo o centro Aspaber, que realiza o servizo a través de persoas con discapacidade psíquica, o que permitiu ter unhas rúas máis limpas e unha poboación máis concienciada, destacando como as accións con apoio social son moito máis efectivas”.

Ategrus concede cada dous anos os Premios Escobas de Plata, Oro y Platino aos organismos que, segundo apunta a propia asociación, “máis destacan polas súas iniciativas ambientais, premiando os esforzos realizados para estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación que serven para ir mellorando a nosa calidade de vida e a sustentabilidade”.

Carballo xa recibiu no 2022 a Escoba de Plata  pola transformación urbana iniciada no ano 2004. Nesta ocasión, o premio distingue non só o traballo que desenvolve o servizo de limpeza viaria, senón tamén a inserción laboral de persoas con discapacidade. Ao acto de entrega dos premios, previsto para o 19 de xuño en Madrid, no marco do Foro de Medio Ambiente y Sostenibilidad, asistirá o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales.

O concurso empezou a celebrarse no ano 1987. A primeira edición foi convocada no ano 1987 pola Unión Europea dento do Ano Europeo do Medio Ambiente, e da súa organización no Estado español encárgase dende aquela Ategrus, unha entidade sen ánimo de lucro que facilita persoal técnico e servizos encamiñados a mellorar a xestión dos residuos, e que forma parte da asociación internacional ISWA. Ao longo de todos estes anos foron outorgados máis de mil galardóns a municipios, deputacións, comunidades autónomas, empresas e universidades de España, Andorra, Portugal, México, Chile, Arxentina e Perú.

Compartir: